# Mixxx ou como convertir o teu ordenador nunha mesa de DJ… ¡e máis!

![](/files/-LONIdcelbLEJ-azGPKl)

## Mixxx ou como convertir o teu ordenador nunha mesa de DJ…

### Introdución: como mesturar libremente

Co motivo do lanzamento da súa versión 2.1.4 (lista para a súa descarga e uso desde o 12 de setembro), centrarémonos nesta ocasión nun software que todo DJ-libre que se prece deberá ter no seu equipo: Mixxx ( <https://www.mixxx.org/>).

Sabemos que, para a mestura de cancións ou listas de reprodución, os DJ’ s han de contar con diversos pratos ou “plataformas de lanzamento” nas que se cargarán distintas pistas de audio, que poderán ser manipuladas individualmente a través de distintos efectos (por exemplo, dando lugar a unha reprodución a maior ou menor velocidade, ou engadindo eco á parte do tema que o requira) ou técnicas variadas (por exemplo, o scratch, método no que orixinalmente os DJ’ s arrastraban de forma directa o vinilo que estaba a ser reproducido nun dos pratos, dando lugar a un característico son), de modo que non só é orixinal a mestura e suma de pistas ou o modo no que estas se intercalan, senón que tamén destaca o resultado sonoro da mestura e o modo no que esta é presentada ao público.

Se pretendemos realizar todo isto cun computador e software libre, estamos a falar de utilizar o xa mencionado Mixxx.

![Mixxx, o protagonista de hoxe](/files/-LONJ3lkT9J2Qvp_lQe3)

Cunha contorna gráfica práctica e sinxela, aínda que con moitas opcións dispoñibles para o seu uso, Mixxx adapta ao formato virtual unha mesa de Dj, con todas as funcións básicas desta: distintos pratos, efectos para cada un deles, unha liña temporal para ver o desenvolvemento de cada unha das pistas, unha biblioteca de pistas de audio listas para a mestura,...

As opcións móstranse de forma intuitiva para aqueles usuarios principiantes que queiran asimilar tranquilamente o sistema de funcionamento do programa, pero tamén serán múltiples e completas as opcións para aqueles expertos na materia. Así mesmo, o cursor funcionará como a nosa man para accionar cada un dos efectos e clickear en cada unha das opcións, pero tamén nos permitirá actuar directamente sobre os “vinilos” para non deixar de lado todas aquelas técnicas propias dos Dj’ s que escapan do acto de mesturar en si mesmo.

Por último, o programa tamén é compatible con pantallas táctiles que permitirán usar Mixxx directamente coas mans, manipulando de forma directa a mesa de Dj. Deste xeito, o usuario terá ao alcance da súa man todas as ferramentas para mesturar libremente.

### Mixxx en poucas palabras: toma de contacto

Para explicar brevemente o funcionamento de Mixxx, dividiremos a pantalla e as súas opcións en tres fragmentos horizontais. Deste xeito, o fragmento superior corresponde ao que chamaremos como “Liña do tempo e opcións varias”; o fragmento inferior, a “Biblioteca”; e, o intermedio, os “Pratos e efectos”. Vexamos brevemente as utilidades e posibilidades de cada un destes fragmentos.

![Ao abrir Mixxx, atopamos esto...](/files/-LONJ__jID_IWQej7klo)

Comezando por abaixo, o fragmento inferior corresponderá á “Biblioteca”. Neste espazo, poderemos cargar ou importar as distintas pistas de audio do equipo, que serán clasificadas a través de etiquetas (autor, portada/imaxe, xénero, etc...), así como diversas opcións para crear listas de reprodución controladas ou aleatorias, buscar determinadas cancións entre todos os nosos arquivos ou conectarnos a repositorios dixitais de audio, como é o caso de iTunes.\
Por así dicilo, desde a “Biblioteca” poderemos preparar as nosas armas para a batalla, que unha vez seleccionadas, estarán listas para a súa mestura.

O fragmento intermedio, “Pratos e efectos” é, definitivamente, o máis importante do programa. Aquí controlaremos as distintas pistas de audio que estamos a mesturar (dunha a catro, como máximo, de forma simultánea), permitíndonos controlar os distintos parámetros de cada unha delas, tales como o minutaxe da reprodución, tempo, volumes, marcadores ao longo da pista de audio, unha barra central para dar máis volume a unha mestura en función da perda de volume doutra, e outras funcións.

Ademais, desde aquí poderemos aplicar unha serie de efectos, xa sexa a unha pista determinada (ata catro á vez) ou á mestura en total. Neste apartado será, por tanto, onde “sucederá a maxia”, onde cada son ou a suma entre sons verase modificada, producida e reorganizada pola nosa man.

Finalmente, na franxa superior atoparemos a “Liña do tempo”, unha representación gráfica da reprodución de cada un dos sons que poderemos manipular (mesmo durante a propia reprodución), actuando coma se dun vinilo tratásese. Igualmente, dispoñemos aquí das opcións básicas do programa, tales como o máster ou control de volume e balance xeral, un reloxo para “cadrar” de forma precisa as nosas mesturas, a opción de gravar e/ou realizar streaming da nosa mestura ou unha serie de botóns para activar ou desactivar os distintos efectos, samplers ou periféricos (por exemplo, micrófonos) que estean a ser usados nese momento.

![... pero despois de traballar un rato, a nosa pantalla verase desta forma.](/files/-LONJyjCy2lOBriyjNbB)

Mixxx trátase, por tanto, dun programa que, aínda que posúe certas limitacións no relativo a aspectos como a cantidade de efectos, é ideal para aqueles que queiran experimentar o mundo dos DJ’ s, dando aos principiantes un programa intuitivo e a través do cal é fácil aprender a manexarse, e aos expertos unha solución desde a perspectiva do software libre que non é para nada despreciable. É, pois, un software factible e interesante que ha de ser tido en conta para montar o noso laboratorio de música libre.

### Un software... só para DJ’ s?

Acabemos rapidamente coa intriga: NON. Mixxx non é só para DJ’ s, e os seus usos son variados e practicamente ilimitados.

Claramente, o formato e/ou contorna gráfica simulan unha mesa de Dj, pero non necesariamente péchanse a este tipo de usos. Por exemplo, observaremos como Mixxx é un interesante reprodutor de música, que á marxe da mestura entre varias pistas permitiranos crear listas de reprodución (coa posibilidade de aplicar faders automáticos entre as distintas pistas, de modo que se suavicen as transicións entre estas) e aplicar certos efectos ás cancións ou audios reproducidos, no caso de que o considerásemos necesario.

Así mesmo, o software permitiranos explorar o son e as súas capacidades, cargando unha ou varias pistas de música que controlaremos e ecualizaremos de distintas maneiras co fin de indagar nas posibilidades sonoras das devanditas pistas, ou mesmo de remasterizar aqueles audios que, ben pola forma na que foron gravados ou a súa antigüidade, requiren de certo traballo de mellora ou “reconstrución”. Outro posible uso que non debe ser obviado é o dos podcast e a radiodifusión en directo.

Mixxx pode ser de gran axuda para os podcasters grazas ás opcións de mestura e ecualización do programa, sumadas á valiosa opción de streaming, mediante a cal aqueles audios que se están producindo e mesturando poden ser emitidos en directo e/ou ser gravados, facendo do programa unha útil ferramenta complementaria para aqueles familiarizados con estas novas formas de expresión e difusión de contidos a través da web.

Por isto e moito máis, este programa non esta indicado exclusivamente para DJ’ s profesionais, senón que usuarios con outras expectativas, metas ou formación poderán facer uso del, adaptándoo rapidamente ás súas necesidades.

Mixxx é un programa cheo de opcións, cheo de oportunidades e que, máis que a lectura destas liñas, merece que nos lancemos a probalo. Que empece a (libre) mestura!


---

# Agent Instructions: Querying This Documentation

If you need additional information that is not directly available in this page, you can query the documentation dynamically by asking a question.

Perform an HTTP GET request on the current page URL with the `ask` query parameter:

```
GET https://xeracion-gnu.gitbook.io/xeracion-gnu-02-gl/mixxx-ou-como-convertir-o-teu-ordenador-nunha-mesa-de-dj...-e-mais.md?ask=<question>
```

The question should be specific, self-contained, and written in natural language.
The response will contain a direct answer to the question and relevant excerpts and sources from the documentation.

Use this mechanism when the answer is not explicitly present in the current page, you need clarification or additional context, or you want to retrieve related documentation sections.
