Cando tomo o café con (con)ciencia
Repaso ás aplicacións que uso un día normal de traballo.
Last updated
Repaso ás aplicacións que uso un día normal de traballo.
Last updated
Cando me ergo á mañá, un día laborable (ou non, que me adico á ciencia), póñome con conciencia a preparar un café, daqueles con bo aroma que só se atopan nas tendas portuguesas. Aquí non é o caso, mágoa. Segundo lle cadre, mentres o preparo enredo nunhas cousas ou noutras. Iso si, é raro que non vaia lendo a chiscos as notas que fora facendo onte ou antonte nunha desas aplicacións para o móbil, desas que se baixan do F-Droid. "Chama a mengano, ho, que xa tardas!".
Cando xa teño o café na cunca doulle ao botón de prender o computador, sento e voume poñendo máis en serio coa xornada. O primeiro que reviso é o correo co KMail (si, seica son deses poucos KDE-adeptos que nunca cambiaron de opinión desde hai milenios). O malo de ler o correo é que sempre aparecen novas tarefas, desas pequeniñas e "interesantes" ideas que ao cabo do día suman.
Cando as vexo (respiro un chisco e...) engado eses pequenos novos proxectos ao meu (amplo?) diario que xestiono con Laverna: "Para fulano: betapart::beta.temp sobre da serie 1990-1992", e etc. (Nota: si, Joplin é tamén unha boa opción, e máis para os que che lles guste Nextcloud).
Logo, claro, xa toca poñerse a traballar a reo. Ora ben, ou me fai falta información publicada en repositorios públicos como Figshare ou Genebank, ou despois toca tirar de R e/ou Bioconductor, en IDEs como RStudio ou RKward, para limpar e analizar datos. Seguramente tamén necesite xerar algún informe con RMarkdown para estudar os resultados. Ben, pois éche así como se entretén un ao longo da súa xornada. Agora, o café sempre presente nunha desas cunquiñas coa súa retranca (of course!).
Teño que recoñecer que os días que máis custan son aqueles nos que toca a escritura. É que, a arte da escrita gáñanse despois de moitas lecturas e de tempo reflexionando. Canto máis un lea sobre dun tema científico, mellor comprenderá que unha frase que parece simple se pode comprender de centos de maneiras, ou mesmo sen querer querendo se introduce algún novo concepto (inda que polo xeral o que se introducen son erros).
Pois ben, que Haeckel e Darwin bendigan aos xestores de bibliografía! “Cal era ese artigo dos 1960 que falaba diso mesmo, da sucesión do plancto nas rías galegas?”, “E ese artigo de Fisher da distribución das especies era do 1942 ou de máis adiante?”, “Como os cito aquí?”...
Velaí o práctico que é Zotero cando un se pon a ler ou a escribir. Que gusto dá gardar artigos desde o navegador, clasificalos por temáticas, exportar listas de referencias dun xeito ben sinxelo e ter copias de seguridade na nube! De feito a maior vantaxe é poder exportar coleccións de bibliografía e traballar con elas na escrita. Se exporto en formato bibtex, vou redactando dun xeito fácil os artigos científicos, ben editándoos con TexMaker en LaTeX ou con Atom en Markdown. Aí vai! no documento final aparécencheme os autores e autoras en cada frase que lles toca sen ter que editar cada cita a man.
Desbotáronme o artigo nun xornal e quero cambiar o seu estilo de edición para outra? ou quero preparar ese documento noutro formato de texto? Fágoo en tempo récord e sen problema ningún: no peor dos casos sempre está pandoc. Dicía ese editores gráficos por preferencias miñas, porque quen sexa devoto de LibreOffice ten un engadido de Zotero.
E así pasamos a xornada, borrando ou engadindo tarefas na lista. E si, sempre pretiño do café e con software libre! De feito arestora non son quen de recordar ningunha aplicación que estea obrigado a empregar que non teña unha licenza libre. Algunhas veces as editoriais obrigan a usar formatos de documento pechados cando se lles envía un artigo, ou algúns compañeiros se encacinan con linguaxes de programación privativas como MATLAB (porque a compañeira do compañeiro de laboratorio que lle ensinou o aprendeu nun laboratorio de Maine cando estivo alí no ano 2000). Mais o dito, sempre están aí pandoc e as linguaxes libres como Octave, Python ou Julia.
Agora ben, ese software, que é libre e emprego día a día para a ciencia, ten algo máis. Ese software está traducido, e si, moitas veces ao galego. Algúns tradutores (trasniños ou non) quixeron (quixemos) traducilos e fixérono. Quen queira empregar Joplin, Texmaker ou RKWard con acento do noroeste, pode. Sería cousa de revisalo, pero poida que incluso teña acento asturleonés. Pola contra, algún software -aínda- non o está: só fala cun acento anglosaxón.
Agora ben, só é cousa de poñerse. É cousa de anotalo na lista de tarefas pendentes, preparar un bo café, sentarse e poñerse a traballar! (Só) se é software libre, sempre o podemos traducir á nosa lingua.