# Repositorios de Software Libre en Android

![](https://3310792483-files.gitbook.io/~/files/v0/b/gitbook-legacy-files/o/assets%2F-LADc3T793WmnmoWrnBV%2F-LAFPrqoescctEOi6OPJ%2F-LAFQDWBmTDpWCXNHk18%2FCabeceira-Miguel_Angel_Rodriguez.png?alt=media\&token=a29e817c-badd-4a7c-abbf-50552e94a9b3)

## Repositorios de Software Libre en Android

### É Android software libre?

Android é un sistema operativo, desenvolvido na actualidade por Google, que se atopa instalado en millóns de dispositivos como smartphones, tablets, smartwatches, televisores, … Aínda que está baseado no Kernel de Linux, Android ten compoñentes propietarios polo que non é software libre (ou, polo menos non na súa totalidade).

![](https://3310792483-files.gitbook.io/~/files/v0/b/gitbook-legacy-files/o/assets%2F-LADc3T793WmnmoWrnBV%2F-LAFRd0wIqsH6YrZrt1x%2F-LAFTM1ihD07AY14h9UC%2Fimage.png?alt=media\&token=cdbdb339-9ceb-4b72-9925-a1b38bc9d8f8)

Para definir o escenario no que nos atopamos e sobre o que falaremos, supoñamos que temos un dispositivo cunha versión de Android instalada e funcionando (este é o caso típico cando adquirimos un dispositivo Android). Ese dispositivo está preparado para funcionar pero poida que non teña todos os programas que necesitamos e teremos que recorrer a instalalos posteriormente.\
As aplicacións que se poden utilizar en Android están baseadas nun sistema de xestión de paquetes que nos permite automatizar o proceso de instalación, configuración e actualización das mesmas.\
O nome (sistema de xestión de paquetes) é debido a que os programas se distribúen en forma de “paquetes” (con formato APK no caso de Android), encapsulados nun só ficheiro que contén os ficheiros necesarios para o correcto funcionamento do programa en cuestión e, ademais, inclúe información adicional como pode ser a versión, descrición, dependencias, …

Para instalar software en Android simplemente teremos que descargar o ficheiro APK, executalo e seguir as instrucións do proceso de instalación. Como esta práctica parece arriscada (calquera pode facernos chegar un APK -non testado- que pode producir efectos non desexados no noso sistema) Google implementou unha “tenda” de software desde a cal podemos descargarnos os programas que necesitemos (uns gratuitos e outros de pago) dunha maneira sinxela e desde unha contorna (presumiblemente) controlada e segura.\
Esta “tenda” chámase Google Play Store (<https://play.google.com/store>). Google Play Store é algo máis que un repositorio de software. É unha plataforma de distribución dixital de software (para dispositivos Android) e unha tenda online que nos ofrece outro tipo de “produtos” como peliculas, música, libros, ….

![Fonte da imaxe:  https://play.google.com/store ](https://3310792483-files.gitbook.io/~/files/v0/b/gitbook-legacy-files/o/assets%2F-LADc3T793WmnmoWrnBV%2F-LAFRd0wIqsH6YrZrt1x%2F-LAFTc_jh_WldupG_NP2%2Fimage.png?alt=media\&token=a4a56cdd-1903-4d13-8e95-e5a04a2dbf43)

### É Google Play un repositorio de software libre?<br>

Google Play Store é, efectivamente, un repositorio de software (entre outras cousas, como comentamos) pero, na sua maior parte, o software que contén é propietario, mesmo o software libre que ofrece non permite descargar as fontes.\
Por tanto, a resposta é NON; Google Play NON é un repositorio de software libre. Ademáis, existen outras limitacións impostas por Google que poden non ser de noso agrado (por exemplo, a de esixir unha conta de gmail para poder acceder á Play Store).

### Cal é a alternativa, pois?

Se a nosa pretensión é dispor dun repositorio de programas para Android, que sexan software libre ou de fontes abertas e que non nos obrigue a “darnos de alta” ou a dispor dunha conta de correo electrónico asociada, a nosa elección debese ser F-DROID ([https://f-droid.org/é/](https://f-droid.org/es/))

![Fonte das imaxes:  https://f-droid.org](https://3310792483-files.gitbook.io/~/files/v0/b/gitbook-legacy-files/o/assets%2F-LADc3T793WmnmoWrnBV%2F-LAFRd0wIqsH6YrZrt1x%2F-LAFUDB20JEooVOOZgSR%2Fimage.png?alt=media\&token=fabc0684-b5b3-469a-a494-40261b226fb0)

![Fonte das imaxes:  https://f-droid.org](https://3310792483-files.gitbook.io/~/files/v0/b/gitbook-legacy-files/o/assets%2F-LADc3T793WmnmoWrnBV%2F-LAFRd0wIqsH6YrZrt1x%2F-LAFUHz8ZzG3DuH4xsAf%2Fimage.png?alt=media\&token=41f3c0b8-64b4-4be6-9d88-eab6c29947ac)

### Como obter e instalar F-Droid?

F-Droid non se pode descargar desde a Play Store de Google, polo que deberemos ir á súa web, descargar o APK e instalalo manualmente no noso sistema. A ruta de descarga da última versión é <https://f-droid.org/FDroid.apk>

Si o preferimos, podemos facer uso dun código QR para proceder á descarga:

![Fonte da imaxe: https://f-droid.org](https://3310792483-files.gitbook.io/~/files/v0/b/gitbook-legacy-files/o/assets%2F-LADc3T793WmnmoWrnBV%2F-LAFRd0wIqsH6YrZrt1x%2F-LAFUhXEmVTIwFOxKcGx%2Fimage.png?alt=media\&token=3f0ec79a-48f6-44d9-bd30-7a22c6fa2fea)

Unha vez descargado o ficheiro APK procederemos á súa instalación, localizándoo no cartafol de “Descargas” correspondente e executándoo (pulsando sobre el). Para que este procedemento funcione, previamente deberemos indicarlle ao noso dispositivo que lle permitimos instalar programas “externos” á Play Store de Google posto que, como xa comentamos, Android por defecto só deixa instalar software da súa propia “tenda”.\
Para iso iremos a AXUSTES, xeralmente no apartado de “Seguridade”, buscaremos a opción “Fontes Descoñecidas” (permitir a instalación de aplicacións de orixes distintas á Play Store) e habilitarémola.

Unha vez instalado F-Droid teremos acceso a un completo repositorio FOSS (Free and Open Source Software) que contén todo tipo de aplicacións e xogos.\
Ademais, disporemos de acceso a un Foro de axuda, á documentación do proxecto, tutoriais, ... mesmo nos explican como montar o noso propio repositorio de software (con repomaker).

Pero esa xa é outra historia...

### [Seguinte artigo](https://xeracion-gnu.gitbook.io/xeracion-gnu-00/edicion-profesional-de-audio-con-linux)
