# MIT ou GPL, esa é a cuestión

![](https://3310792483-files.gitbook.io/~/files/v0/b/gitbook-legacy-files/o/assets%2F-LADc3T793WmnmoWrnBV%2F-LAEgkKCl7jbCFRmPWYJ%2F-LAEh9XMXYsrmzSYDoc2%2FCabeceira-Rafa_Couto.png?alt=media\&token=49a9a232-d9be-4616-a68d-8bc99557edb8)

### MIT ou GPL, esa é a cuestión

Se usas *Software Libre*, apoias e cres que é a mellor opción para o software no futuro e ademais **es un desenvolvedor de software**, non tes moitas excusas para non liberar cunha licencia de *Software Libre*. Como nota ao marxe, salientar que non só os programadores desenvolven *Software Libre*: tamen aportan os documentadores, probadores, deseñadores gráficos, distribuidores...

O argumento definitivo para convencerte de que debes liberar o código que teñas desenvolvido é o seguinte: se gardas o código con celo no caixón é **moi probable que morra no caixón**! Trata de lembrar código que teñas feito e pensa, coa rapidez coa que avanza o mundo da informática, se aínda hoxe tería aplicación. Fai o exercicio de revisar os teus repositorios privados e sorpréndete. Como desenvolvedor individual hai outro motivo interesante: publicar os teus traballos é o mellor **currículum** que podes ter. Mesmo hai empresas adicadas exclusivamente á [caza de talento examinando o código publicado en *GitHub*](https://www.sourcecon.com/the-complete-guide-to-recruiting-and-sourcing-candidates-on-github/).

![ Imaxe "Diagrama de licencias de software segundo a FSF"  - source: https://en.wikipedia.org/wiki/Software\_license](https://camo.githubusercontent.com/158b1c1a7f93b81d0ebc2128c169df64561f6418/68747470733a2f2f692e696d6775722e636f6d2f5678464951786c2e706e67)

Se dirixes unha empresa de desenvolvemento de software, podes estar cavilando por que demo ías liberar e deixar que todo o mundo teña acceso ao código... Hai varios motivos, pero o principal é que os consumidores de software valoran que os programas que se executan nos seus equipos sexan *OpenSource* (auditables, seguros, adaptábeis). No caso de empresas que usan o teu software é fundamental que poidan controlar a súa información e que non exista unha dependencia do fornecedor (**terás que ser bo dando o servizo**, nada máis e nada menos). Se contratas coa administración, chegará un día en que será requisito imprescindible que o software pagado por todos sexa para todos (isto debemos esixilo os cidadáns!).

Ao medo de que a competencia poida usalo gratis... É o mellor que che pode pasar! Creas unha dependencia do teu código e terán que nomearte nos créditos. Hai un mellor argumento comercial? O que tes que estudar é se ten sentido liberar todo o que desenvolves. En teoría é o mellor, pero por favor, se o código é feo ou malo non o liberes! O ideal é liberar o código e **liderar o desenvolvemento baseado na comunidade**. Liberar un software que vai ser adoptado pola comunidade e, á vez, darlle soporte e incorporar as melloras que poidan aportar desenvolvedores externos é crear un produto de éxito garantido. Se ademais liberas antes que a competencia, será difícil que outro ocupe o teu lugar ou nicho de mercado.

![Imaxe "Logo da licencia GPL" - source: https://www.gnu.org/graphics/license-logos.html](https://camo.githubusercontent.com/97022c3641c95897c48510183cf6a20e5a0b86ad/68747470733a2f2f692e696d6775722e636f6d2f4b6436684965302e706e67)

A estas alturas xa deberías estar convencido de liberar o teu software e queres saber como. Pois é ben doado: só tes que usar unha **licencia de&#x20;*****Software Libre*****&#x20;ou&#x20;*****Open Source***. A decisión de usar unha licencia *Open Source* sempre é mellor que a que sexa privativa, pero se engades restriccións de uso que impiden que sexa *Software Libre* (véxase as [4 liberdades do software](https://gl.wikipedia.org/wiki/Software_libre#Definici%C3%B3n_e_as_catros_liberdades)) non estará ben visto e posiblemente non recibas apoio da comunidade. Isto tamén limita a posibilidade de crecer en rede exponencialmente e pode que apareza unha solución equivalente realmente libre que che faga sentir que perdeches o tempo.

Dentro das licencias libres [tes moitas onde escoller](https://choosealicense.com/licenses/) que se poden **agrupar nunha permisiva "MIT" ou nunha vírica "GPL"**. Coa *MIT* basicamente darías permiso para facer co teu código o que se queira (preservando dereitos de autoría), mentras que cunha *GPL* tamén impós a obriga de que os traballos derivados continúen a ser *GPL*. Se es puramente estricto na definición de liberdades escollerás *MIT* pero corres o risco de que alguén empregue o teu código e a continuación o peche nunha solución privativa. Por contra, coa *GPL* estaría obrigado a producir software licenciado tamén baixo *GPL* co sentido de que o *Software Libre* tenda a prevalecer sobre o privativo.

Con todo, **sexa&#x20;*****MIT*****&#x20;ou&#x20;*****GPL*****, libera o teu código!**

### [Seguinte artigo](https://xeracion-gnu.gitbook.io/xeracion-gnu-00/persoas-que-difunden-a-cultura-libre-juan-febles)
