Xornada de presentación de software con licenza libre para uso científico
A xornada de presentación de software con licenza libre para uso científico estivo organizada pola Asociación de Usuarios e Software Libre de Terra de Melide (MeLiSA http://www.melisa.gal/ tivo lugar na facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela o pasado día 12 de abril de 2018 e contou co apoio da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA https://amtega.xunta.gal/) e da propia Facultade.
O obxectivo principal desta actividade foi o de compartir coñecementos e experiencias arredor do Software Libre de uso Científico, así como presentar a versión 5.0 de EpiLinux.
A inauguración da mesma correu a cargo de Dona Elena Vázquez Cendón, Decana da Facultade de Matemáticas (USC) e Don Rafael Rodríguez Gayoso, Presidente da Asociación MeLiSA.
O programa da xornada contou con tres charlas:
Presentación de MeLiSA. Licenzas libres (Rafael Rodríguez Gayoso, MeLiSA)
Software matemático e estatístico (María José Ginzo Villamayor, Universidade de Santiago de Compostela).
Presentación de Epilinux 5.0 (Miguel Ángel Rodríguez Muíños, Consellería de Sanidade)
De seguido preséntase un pequeno resumo de cada unha delas:
Presentación de MeLiSA. Licenzas libres
MeLiSA (na Ilustración 2 pódese ver o logo) é unha asociación sen ánimo de lucro cuxos obxectivos son:
Promocionar e divulgar o concepto de software libre e fomentar o seu uso
Fomentar e apoiar os proxectos de software libre, especialmente aqueles desenvolvidos polos seus membros. Impulsar e respaldar as iniciativas de software libre
Adaptación do software libre á lingua galega.
Promover o emprego de estándares abertos na sociedade da información e no ámbito tecnolóxico.
Formación das novas tecnoloxías no eido do software libre nos diferentes ámbitos (educativo, empresarial,…)
Rafael tamén falou sobre as Licenzas libres (véxase Ilustración 3). Comezou presentando a definición de licenza na Wikipedia, “Unha licenza é, en dereito, un contrato mediante o cal unha persoa recibe doutra o dereito de uso de varios dos seus bens, normalmente de carácter non tanxible ou intelectual, a cambio do pago dun monto determinado polo uso dos mesmos.”
E de seguido comezou coa licenzas libres. Este tipo de licenzas ceden: o dereito de copia e o código fonte. As veces tamén se ceden: dereitos de modificación e explotación comercial.
Aínda que se libere o código tamén existen certas obrigas como son: recoñecer a autoría e reutilizar a mesma licenza.
As licenzas constan de dereitos (que o autor concede a outra parte, que é o que vai poder facer), limitacións e prohibicións (que a outra parte debe respectar, que é o que non vai poder facer), garantías e responsabilidades (o autor limita as súas responsabilidades, o autor limita as garantías da obra, disclaimers) e xurisdición competente a dereito aplicable.
As licenzas clasifícanse en tres grupos: privativas ou restritivas, semilibres e libres
A presentación de Rafael pode consultarse en https://gaioso.gitlab.io/epilinux/#/2
Software matemático e estatístico
Mª José Ginzo (véxase Ilustración 4) fixo un percorrido polo diferente software matemático e en particular estatístico tanto libre como comercial:
Para álxebra presentou os seguintes softwares: Axiom, Cadabra, CAS, CoCoA, Derive, GAP, Macyma, Maple, MuPAS, MathCAD, PARI/GP, Scilab e Xcas, ...
Xeometría: Geogebra e Mathematica, ...
Ecuacións difrenciais: Dynamic Solver, ...
Matemática Aplicada, análise numérica e simulación: AMoreAccurateFourierTransform, Fluent, FreeMat, Gnuplot, Graph, MapleSim, Matlab, Modelica, Octave, Scilab, SciPy, ZeGrapher, ...
Software e linguaxes de programación para Estatística e Investigación Operativa: Ampl, Epidat, JASP, Lindo, Lingo, Maple, Maxima, Microsoft Excel, OpenOffice Calc, PSPP, Python, R, Rcmdr, Microsoft R Application Network, S-PLUS, SAS, SPSS,Stata, Gurobi, CPLEX, Lindo, ...
Outro software empregado en economía, econometría e estatística en xeral: Demetra+, EViews, Gretl, Minitab, OxMetrics, TSW, ...
Mª José tamén aproveitou a ocasión para falar xas Xornadas de Usuarios de R en Galicia, https://www.r-users.gal/, e das Jornadas de Usuarios de R – R-Hispano, http://r-es.org/. Así mesmo presentou o grupo R-ladies, que é una organización mundial para promover o emprego de R entre as mulleres, https://rladies.org. Así mesmo en España, existe o grupo R-Ladies Madrid, que é a primeira comunidade de España de R para mulleres, https://www.meetup.com/es-ES/rladies-madrid/.
Presentou tamén unha serie de software matemático multiuso e multiplataforma como: DataMelt, Epilinux, MathBuntu, Power Bi, SageMath; así coma software relativo a sistemas de información xeográficas (GIS): ArcGIS, gvSIG, MapInfo, QGIS, SGA GIS, ...
Aconsellou que existe diferentes ferramentas para o control de versións (GitHub, Microsoft SourceSafe, Subversión...) e que é unha boa práctica comentar todo o código que se desenvolva.
Unha vez que se dispón dun amplo abano de ferramentas para leva a cabo os cálculos matemáticos en xeral hai que escribir os resultados, para iso falou do Microsoft Word e Libre Office Writer e máis científico o Latex (cos diferentes editores: TeXnicCenter, TeXmaker, TeXstudio, TeXworks, ShaeLaTeX, OverLeaf, WinEdt). Non chega con escribir os resultado tamén hai que presentalos, para iso, Microsoft Power Point, LibreOffice Writer, Beamer, Shiny. Dende que se teñen escrito os resultados hai que publicalos, mostrou así unha serie de revistas científicas onde publicar os traballos.
A presentación de Mª José Ginzo pode consultarse en http://eio.usc.es/pub/mjginzo/index.php/es/xornada-software-libre-cientifico
Presentación de Epilinux 5.0
Miguel Rodríguez (véxase Ilustración 6), presentou a nova versión do Epilinux (https://www.sergas.es/Saude-publica/EpiLinux-software). É un sistema operativo, de libre distribución orientado principalmente o emprego de ferramentas de análise epidemiolóxico e bioestatístico. Está especialmente orientado a todas aquelas persoas, tanto profesionais como estudantes, que desenvolvan as súas actividades nos eidos da epidemioloxía, a bioestatística e os estudos de saúde, en xeral. Na Ilustración 5 tense unha captura xunto co logo do mesmo.
Dous dos retos actuais, en canto á utilización de software como base para a realización de estudos científicos, son a posibilidade de acceso ao código fonte para poder reutilizalo, modificalo ou distribuílo e a redución de custos por licenza de uso.
EpiLinux é un sistema operativo completo baseado en GNU/Linux. Esta contorna outórgalle un excelente rendemento e lixeireza, ademais dunha gran usabilidade.
Esta distribución achega un conxunto de programas de uso xeral (ofimática, multimedia, internet, …) e unha recompilación de software científico. Entre eles, podemos destacar R coas súas contornas gráficas Rcommander e Rstudio e unha colección preinstalada de librerías especializadas. Ademais, inclúese software de referencia no campo da Epidemioloxía como Epidat 4, OpenEpi, … da Bioestatística como JASP, Octave, PSPP, SciLab,… e, como Sistema de Información Xeográfica, QGIS.
A listaxe completa do software que inclúe é a seguinte: Epidat, Epigrass, FreeMat, GeoGebra, GNU Octave, JASP, LibreOffice, Maxima Algebra System, OpenEpi, PlotDrop, PSPP, QGIS, QtiPlot, R, R Commander, RKWard, RStudio, SciDAVis e Scilab.
Actualízase desde os repositorios orixinais destes programas o que consegue que o sistema dispoña das últimas versións en todo momento e ofrece a posibilidade de executalo desde un pendrive en modo “ live” evitando, así, a interacción con instalacións previas doutros Sistemas Operativos. Outra opción é executalo desde unha máquina virtual, embebido nun sistema operativo anfitrión. Tamén se pode instalar no disco duro do equipo como única opción en modo compartido con outro sistema.
A nova versión de EpiLinux permite dispoñer, nunha contorna totalmente configurada, actualizado, homoxéneo, de libre distribución e gratuíto, das ferramentas necesarias para a realización de estudos epidemiolóxicos e/ou bioestatísticos.
Este sistema operativo forma parte das actividades que Melisa realiza no marco do convenio de colaboración asinado coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), e incluídas no Plan de Acción de Software Libre 2017 da Xunta de Galicia.
A tódolos asistentes agasallóuselles con libro “Moodle con Geogebra e unhas pinceladas de Wiris”(*) cedido pola oficina de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela.
Toda a información da xornada pode consultarse en https://gaioso.gitlab.io/epilinux/#/
(*) De la Torre Fernández, Enrique; Gesteira Losada, María Esperanza; Larrosa Cañestro, Ignacio; Pereiro Carbajo, Débora; Rodríguez Somoza, Aia; Zacarías Maceiras, Fernando. (2011) MOODLE CON GEOGEBRA E UNHAS PINCELADAS DE WIRIS. Lemniscata, nº 8. Anaya. ISBN:978-84-207-9899-8.