> For the complete documentation index, see [llms.txt](https://xeracion-gnu.gitbook.io/xeracion-gnu-01/llms.txt). Markdown versions of documentation pages are available by appending `.md` to page URLs; this page is available as [Markdown](https://xeracion-gnu.gitbook.io/xeracion-gnu-01/a-aapp-que-favorece-uns-salarios-mediocres.md).

# As Administracións Públicas que favorecen uns salarios mediocres

![](/files/-LFq1zNE0KYTRmnV6DKe)

## As Administracións Públicas que favorecen uns salarios mediocres

De todos é sabido que as Administracións Públicas (AAPP) son grandes consumidoras de tecnoloxía e por tanto grandes cliente para todo tipo de empresas consultoras que participan en concorrencia competitiva para ser beneficiarias dun contrato.

Participar nun concurso non é tema baladí para aquelas que se inician nestes trámites. Solicítase información de todo tipo, como é lóxico, en referencia á **solvencia técnica e económica**. Estes requirimentos son necesarios para determinar se unha entidade que se presenta a un concurso é capaz de executar o contrato con suficientes garantías.

Todo parece normal ata que se **prostitúe a interpretación da lei de contratación pública**.

![Autoría: skeeze - CC0 Creative Commons - https:// pixabay. com/é/astronauta-do-transbordador-espacial-613045/](/files/-LFq3Mh41npdvJfLaPua)

**As AAPP piden o ouro e o mouro** nos Pregos solicitando perfís de persoas como quen pide astronautas.\
As consultoras estarían encantadas se non fose porque non lles sae a conta ao facer números e vense forzadas a baixar salarios.

Falei con varios directivos de consultoras e **esta situación é demencial e repítese unha e outra vez**, orixinada polas AAPP e os seus criterios de valoración baseados case en exclusiva no **menor prezo ofertado**. Digo case en exclusiva porque aínda que hai criterios subxectivos que ponderan, as mesas de contratación non se mollan e valoran case equitativamente todas as ofertas que se presentan, dando como único valor de diferenza o prezo, **o custo da carne**.

![Autoría: mohamed\_ hassan - CC0 Creative Commons - https:// pixabay. com/é/salario-pago- donaci% C3% B3 n-3038325/](/files/-LFq3ds06XzSaXodKC18)

Esta baixada de salarios lévanos ao **cancro do emprego en Galicia**, a fuga de talentos que non ven suficientemente valorados e emigran para traballar en empresas estranxeiras. Xa ocorreu fai menos dunha década e volverá ocorrer.

Ante esta situación vexo tres posibles solucións:

1. Unha é que o empregado público se molle nas mesas de contratación e **valore a parte subxectiva dándolles maior peso**. Isto é un seguro de calidade. Unha boa memoria do proxecto, unha boa descrición das actividades para realizar e unha boa xestión do proxecto deberían contar, e moito.
2. A outra opción é que as consultoras **pactasen un prezo de saída** para os perfís polo que xa non sería decisivo o prezo únicamente e as AAPP veríanse forzadas a valorar máis a parte subxectiva. Tal vez soe a **prevaricación**... pero podería ser interesante para **protexer os intereses dos seus empregados** nas consultoras garantindo uns salarios dignos.
3. Por último comentarei unha solución á fuga de talentos e salarios mediocres... **Buscarlle unha parella a ese talento para que non pense en marcharse e aguante a mecha aquí**. Esta última opción non é colleita miña pero é orixinal e perfectamente válida.

## [Seguinte artigo](/xeracion-gnu-01/persoas-que-difunden-a-cultura-libre-francisco-estrada.md)
